Está claro que o noso home espera aos eventos de máximo nivel para regalarrnos cos seus sabios consellos que A Madriña sempre agradece.
Esperemos que esta terceira sesión sexa o rexurdimento do noso plumífero jacobino.
"Unha Noite co Mestre". O Conselleiro Aconsella # 3
Pablo Carrera. La Pecera, Vigo PO. Sábado 4 Maio. 2013. 22:30
"Alguén dixo algunha vez que para que exista arte precísase un artista que o cree, e un público que o reciba. E iso foi exactamente o que aconteceu na noite do pasado sábado na sala La Pecera. Pablo Carrera, o Grande Mestre da Orde do Blues, ofreceunos o seu percorrido dende o delta do Mississippi, ata os ventos de Chicago, pasando polo barrio vigués de Casablanca, que acolleu o concerto.Armado cas súas 3 guitarras e a súa voz, cada día máis ceibe e portentosa, Don Pablo trasladounos ao tempo do blues acústico e rural. Sen esforzos, sen tensións, sen presas por coller o tren, que marcaba co seu traqueteo sobre as vías o ritmo do blues, o leito sonoro sobre o que se deslizaban os dedos do Grande Mestre polo mástil. Técnica e sensibilidade, creación e comunicación. Estes son os sinais de identidade dun auténtico artista, e isto foi o que contemplamos onte á noite en La Pecera. E unha vez máis os membros do público sentímonos coma vellos ferroviarrios atravesando continentes día e noite.
A pesares de atoparnos en plena resaca das festas e fastos de celebración do 9º aniversario do pub-taberna-sala La Pecera (¡Parabéns e a polo 10º!), aínda había un bo grupo de irreductibles que resistían no local, onde Edu Pez e os seus colaboradores creaban o ambiente perfecto para que os sons do escenario se deslizasen polo aire ca frescura dos peixes entre os corais da Gran Barreira.
O oficiante da noite obsequiounos cos seus temas favoritos dos míticos Robert Johnson, J.B. Lenoir, e ata algún tema propio, aínda sen nome. "¿A alguén se lle ocorre un título para este tema?", preguntaba Mr Carrera tras interpretar a súa composición. A pregunta ficou no aire ata que as súas ondas foron borradas polos asistentes, que marcaban o ritmo, movíanse docemente ao compás, e xa coreaban o seguinte refrán: "I shot the sheriff /but I didn't shoot the deputy"
Os ecos de Bob Marley e os arrecendos de Eric Clapton rebotaban nas paredes do recinto. Mais o Grande Mestre non se conformaba. Mirou, sinalou, e de entre a masa escolleu a "Máxico Fernando" (Abreu) para que se unise a él no escenario e co seu clarinete esculpise o aire: máis blues, e algún tema de 2US, o Dúo (Pablo e Fernando) que presentaba o seu CD número Dous.
E non contento con todo isto, o Mestre de Cerimonias ofreceuse a cumprir as peticións do público, mais ¡ Ay daqueles que se atrevan a solicitar un tema, porque será arrastrados sen piedade ata o altar dos sacrificios para acompañalo ca pandeireta! Pero o artista sempre sabe a onde vai, e o resultado foi o público batendo palmas e cantando a súa nostalxia pola "Doce Chicago", mentres un home peludo brincaba polo escenario.
Risas, apertas, e fin de festa con algún tema máis, marca da casa, sacando brillo as 3 guitarras e aos máis de 15 pedais!! que o Mestre emprega para dar esplendor ao seu son. Un son que La Pecera recolleu e devolveunos con limpeza, claridade, precisión e beleza.
Mais todo ritual ten o seu punto final. Só un punto e aparte, pois coma todos os rituais, háse repetir. Onde e cando, é aínda un misterio. Pero os iniciados somos xente de fe, e sabemos que os Grandes Mestres sempre volven."
Os que saben do Consiglieri din nunca minte e que o show foi exactamente así...soberbio !!! desde a xenialidade de Paul ata os "dancings" exaltados do espontáneo "Hairy Tambourine Man". Non nos extraña ( o de Pablo) pois iste "Pequeno Gran Home" sempre foi e será un "crack" e con paso do tempo a cousa non pode máis que mellorar !!!. Polo tanto, Noraboa rapás !!!
A Madriña Bless Pablo , Consiglieri & Fotografo/a Unknown



























